Sunday 28 de April de 2024

O Concello concede axudas de 2.000 euros para autónomos e pequenas empresas


As subvencións, que se poderán solicitar desde o 16 de agosto, destinaranse a pagar as cotas á Seguridade Social

O Concello da Coruña concederá novamente axudas de 2.000 euros ás persoas autónomas e a pequenas e medianas empresas co obxectivo de manter e impulsar a súa actividade económica durante este ano 2022.

A finalidade desta convocatoria dotada con 400.000 euros é promover a consolidación do tecido comercial, profesional, hostaleiro e, en xeral, empresarial, así como apoiar o mantemento e creación de emprego que xera este sector económico na nosa cidade tras a crise provocada pola pandemia da COVID-19. Dito tecido empresarial está composto, na súa maioría, por microempresas e persoas traballadoras autónomas, a quen se dirixen estas subvencións para o mantemento da actividade económica.

O importe máximo que poderá recibir cada persoa ou entidade será de 2.000 euros e deberá destinarse ao pagamento das cotas da Seguridade Social ou das mutualidades dos seus respectivos colexios profesionais. Poderá ser subvencionable o 100 % do gasto por este concepto ata un máximo de 7 cotas, no período entre xaneiro e xullo do 2022.

O prazo para a presentación das solicitudes será do 16 de agosto ao 16 de setembro. As persoas interesadas deberán presentar unha declaración responsable en liña na Sede electrónica do Concello da Coruña. Esta subvención é compatible con calquera outra outorgada por outras institucións ou entidades públicas ou privadas.

O Goberno municipal de Inés Rey reforza deste xeito o seu apoio ao tecido empresarial e económico na cidade nun momento de máxima incerteza tras a crise sanitaria que obrigou ao peche temporal de negocios e a restrinxir o acceso en moitos casos. O Concello da Coruña abonou no 2021 máis de 2,5 millóns de euros en axudas directas a autónomos e pequenas empresas a través do seu programa PRESCO, sendo a primeira administración local en aprobar este tipo de subvencións destinadas a paliar os efectos da COVID-19 nos negocios locais.